Decembro 2023

Python Coruña cumpre un ano!

Python Coruña celebrou o seu primeiro aniversario cun encontro moi especial, pensado para compartir, aprender e, sobre todo, pasar un bo rato en comunidade.

Para a ocasión tivemos picoteo variado e gratuíto, que nos permitiu acompañar as conversas con algo de comida mentres nos poñiamos mans á obra co código. Porque nesta xornada non só picamos algo de comida, tamén picamos código.

Durante o encontro conectamos un portátil ao proxector do local e fomos resolvendo algúns dos retos do Advent of Code. A proposta era sinxela: que en cada reto se animase unha persoa diferente a saír á palestra e probar a súa solución. E así foi como, entre intentos, erros, ideas e algunha que outra pista, fomos avanzando nos desafíos.

Unha das cousas máis interesantes da xornada foi precisamente o ambiente colaborativo. Non importou se había moita experiencia programando ou se estaban dando os primeiros pasos: cando alguén quedaba atascado, sempre houbo persoas dispostas a achegar unha idea, facer unha suxestión ou botar unha man.

Foi unha maneira estupenda de celebrar este primeiro ano de Python Coruña: compartindo código, aprendendo unhas das outras e desfrutando do ambiente que fai posible que unha comunidade medre e se manteña activa.

Moitas grazas a todas as persoas que nos acompañastes neste primeiro ano! Agardamos que este sexa só o primeiro de moitos aniversarios e que sigamos atopándonos para compartir Python, coñecementos e, por suposto, algo de picoteo.

Agardamos volver coincidir en próximos encontros, seguir aprendendo xuntas e facendo medrar esta comunidade que dá sentido a iniciativas coma esta.